Festival Infantil en GONDOMAR

        Barafunda continúa a súa xira interestelar polo espazo exterior.
        Recén chegados de Saturno, onde obtiveron grandes éxitos, aterran no Auditorio Municipal de  Gondomar para presentan dous espectáculos para toda a familia.
        No mes de Outubro, en dúas sesións de tarde, ás 17:00 e ás 19:00.
O Sábado día 22 “As aventuras de Lila e Lolo”.
O Domingo día 23 “Maxia Branca”.

         Polas entradas non vos preocupedes xa que son prezos populares. Só por 3,50 € podedes gozar dunha tarde inesquecible. E se queredes asistir ós dous días podedes adquirir as entradas a 3 € cada espectáculo.
        As entradas mércanse na taquilla do propio Auditorio, unha hora antes de comezar o show.

Click aquí para ver máis fotos

PRESENTACIÓN DO NOVO ESPECTÁCULO DE BARAFUNDA
“A QUEIMADA”
Barafunda presentou, no Concello de Nigrán, o seu novo espectáculo “A queimada” obtendo un grande éxito.
         Fieis ó seu compromiso coa cultura galega, Barafunda estivo a preparar durante estes meses unha representación teatralizada sobre a tradición popular galega da queimada
         Unha combinación de maxia, lume e son, que fan que o espectador se mergulle no mundo inquedante das meigas, os espíritos e as artes escuras, mentres descubre a cultura da nosa terra así como todos os elementos e simbolismos desta tradición.
         Un espectáculo que coida ata o mínimo detalle, e permítenos saborear unha das nosas sinais de identidade máis representativas.
…POLO PODER DOS ESPÍRITOS
QUE SENTES PERO NON VES,
QUEIMADA EU TE FIXEN,
QUEIMADA TI ES…

Click aquí para ver máis fotos

Curso maquillaxe 2011

     Barafunda, no seu compromiso coa formación continuada, organizou no mes de agosto un curso de maquillaxe para os seus traballadores. 
        O curso, impartido por profesionais titulados, tratou aspectos como a maquillaxe infantil, a caracterización especial, maquillaxe de fantasía, etc. ademais do uso dos distintos tipos de materias: tipos de maquillaxe, pinceis, esponxas, …
        A continuación, vos amosamos algunhas fotos dese día no que, ademais de aprender, divertímonos moitísimo. 
Click aquí para ver máis fotos

Campamento Verán Amoedo 2011

      Hoxe queremos contarvos que rematou o campamento urbano que Barafunda desenvolveu durante o mes de xullo no Concello de Pazos de Borbén, concretamente na parroquia de Amoedo. 
       Imos botar de menos ós máis de 50 nenos e nenas que participaron, xa que os seus nomes e sorrisos non os esqueceremos. 
       Durante todo este mes gozamos de moitas actividades e obradoiros, á vez que aprendiamos moitas cousas. Como colofón houbo unha festa final onde os nenos e nenas prepararon os seus espectáculos para todos os pais e nais.

Aquí podedes ver máis fotos

     Dende Barafunda queremos enviar unha aperta moi especial a Sonia, responsable de Diverchán, o lugar onde se levaron a cabo as actividades, e que fixo que todo fora máis sinxelo e agradábel. E tamén agradecer o traballo dos monitores que fixeron que todo isto fose posible: Lila, Miri, Lorena, Lucía, Adrián e Xabi.
Feliz verán a todos!!!!

Curso monitores Xullo 11′

    Na súa aposta pola formación continua e de calidade, Barafunda, en colaboración coa Escola de Tempo Libre Fervenza, desenvolveron un curso de Monitores de Tempo Libre no mes de Xullo.
    Vintesete mozos e mozas chegados dende diferentes puntos de Galicia conviviron durante os vinte días que durou o curso, en réxime de acampada no entorno rural de Xiguentes (Sta. María de Oia).
   Moitas horas de traballo e esforzo, lexislación, psico-socioloxía, socorrismo, campismo, medioambiente, saúde, rutas de orientación, xogos, danzas, cancións, … e todo para acadar o seu obxectivo “O título de Monitores de Tempo Libre”. E tamén houbo tempo para a ledicia, a diversión e para facer amizades que serán, posiblemente, para toda a vida.
   Dende Barafunda queremos dar unha aperta a todos e todas que nos fixeron gozar destes días, da súa compaña, inmersos en un bo ambiente de traballo, diversión e sorrisos.
!!! BOA SORTE A TODOS!!! 
Click aquí para ver máis fotos

Gañadores do I Concurso Literario de Relato Curto e Conto en Galego

Se fai uns meses presentabamos o I Concurso Literario de Relato Curto e Conto en Galego, hoxe volvemos a falar del para amosar ós gañadores. 

Durante o acto de entrega dos premios, cada participante puido ler un fragmento da súa obra para amosala ó público alí presente.
Tamén o xurado, formado por un representante do Concello de Nigrán, outro da Asociación Veciñal Dunas de Nigrán, o escritor Artur Alonso Novelhe, e un representante da editorial Barafunda; tivo o seu momento para dicir unhas palabras, destacando aquelas de agradecemento. 

Chegado o momento de descubrir os gañadores, este foi o faio do xurado:

1º PREMIO: “Conto de Abril” de Isabel Blanco Franco

2º PREMIO: “O Muíño de Cibrán” de Gael Fernández Castro

3º PREMIO: “Ata logo” de Francisco Javier Sánchez González


Ademais, unha agrupación de música tradicional amenizou a xornada completando un día no que a cultura galega foi o principal protagonista. 

Click aquí para ver máis imáxenes

Asalto pirataaaa!

O domingo 12 de xullo, os barcos “Pirata de Onza” e “Pirata de Cíes” da empresa Nabia Naviera foron asaltados por piratas.
A abordaxe comezou dende terra antes de que os barcos tiveran tempo de saír cara ás Illas Cíes. Unha vez de camiño ás Cíes, os piratas loitaron con sables contra os pasaxeiros. Finalmente decidiron aliarse para, entre todos, buscar o tesouro agochado nas Cíes.
E a ritmo de…

“A vida pirata é a vida mellor
sen traballar, sen estudar, 
e… cunha botella de ron!”
… chegaron a Cíes con 500 novos piratas cos que descubrir tan marabillosa illa. 
Click aquí para ver máis fotos

Día Mundial do Medioambiente

Con motivo do Día Mundial do Medioambiente, Barafunda foi a encargada de presentar o decálogo de boas prácticas para facer un bo uso da auga. 
Nenos do colexio Pintor Laxeiro visitaron as instalacións de Aqualia e, previamente, puideron gozar da nosa actuación. 
María trataba de explicar ós nenos os consellos que podían seguir para nos desperdiciar a auga. Mentres,  Lolo, un pallaso pouco concienciado co seu consumo responsable trataba de seguilos, en ocasións, sen moito éxito. 
Click aquí  para ver máis imaxes 

Concerto Inerttes

    Con motivo do I Aniversario do Tzameti Bar, o grupo local INERTTES, do que Barafunda é manager, deu un concerto na sala Mondo de Vigo.
   Foi o pasado sábado 14 de maio, e xunto a eles tocaron os vigueses Glassonion e os canadienses Basketball.
     O concerto foi todo un éxito e, para os que non puidéstedes estar alí, aquí deixamos unhas fotos que así o demostran.

Click aquí para ver máis fotos
   E para saber máis deste grupo, podedes visitar o seu Myspace e escoitar algúns dos seus temas:  http://www.myspace.com/inerttes


Black Voley Vigo

En Barafunda apostamos pola vida sá e o deporte. Por iso patrocinamos ó equipo Black Voley Vigo.
En marzo remataron a súa primeira tempada como equipo na 2ª División B Femenina. Mentres non comece a seguinte tempada en outubro, o equipo segue entrenando duro para poder mellorar os seus resultados. 
Ademais, están buscando novas xogadoras para reforzar o equipo. Se te animas ou coñeces a alguén que poida estar interesada, podedes poñeros en contacto co equipo a través destas direccións de correo electrónico:

 Se queres coñecer as que poden ser ás túas novas compañeiras, click AQUÍ.